top of page

A Marla

Se había unha cousa que lle gustaba no mundo era matar os polos. Era unha rapaza de aldea e a súa avoa ensináraa dende ben pequena. Con apenas tres anos, xa era capaz de facelo ela soa e facíao tan ben, que o seu primeiro regalo verdadeiramente consciente de aniversario fora unha machada, á que chamou Marla. Dende aquela, fora depurando a técnica, converténdoa en todo un ritual e, cando os polos a vían chegar ao galiñeiro, rezaban no idioma das aves para que o sufrimento rematase pronto.

O procedemento era sempre o mesmo. O primeiro que facía Lela (que así se chamaba a rapaza) era poñer o seu mandil da sorte, completamente vermello e gastado polo tempo e o sangue dos animais. Logo collía a Marla, a súa fiel compañeira, e aproximábase engorde ao galiñeiro, onde a esperaban os polos e máis as persoas que alí se achegaban para vela, pois a súa sona era tal, que movía xente de tódalas aldeas veciñas.

Cando entraba no galiñeiro, os polos permanecían inmóbiles, sucumbindo ao seu fado, movidos por un respecto invisíbel cara Lela. Sen máis, a rapaza collía un, poñíao sobre un tallo de madeira e erguía a machada. O polo estático e a machada no alto. Alzábaa ata que rozaba o seu propio lombo, e logo, sen mediar palabra, concentrándose no punto exacto do colo do animal, propinaba o machadazo. Entón o polo corría. Corría por todo o curral, e os alí presentes aplaudían e Lela ría e os presentes rían e o polo corría e corría e os nenos corrían tras del ata que, levado pola morte, o animal caia no sono profundo do que ninguén volve.

Deste xeito, mataba Lela aos seguintes polos, que adoitaban ser uns seis ou sete. Logo rifaba un entre os veciños que acudían a vela e dáballe outro á familia do seu mozo Xosé, que traballaba no campo co seu pai e que lle era infiel con outra sen que ela o soubese. Así pois, a ninguén lle estrañou que, cando Lela descubriu a burla, movida polo desengano e a rabia, vestise o seu mandil vermello, collese á súa Marla e, rozando as costas con ela primeiro para coller impulso, lle cortase a cabeza ao Xosé para vingarse da súa traición.

E todos viron o seu corpo correr sen cabeza pola aldea, durante polo menos, tres horas.

bottom of page